A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, informou este mércores que o goberno local non recibirá a axuda estatal de 3,5 millóns de euros para os descontos dos billetes do transporte urbano porque, a pesar de aprobar presentarse á convocatoria, non chegou a facer os trámites. “Son 3,5 millóns que xa non recibiremos do Ministerio de Transportes por pura neglixencia do goberno de Abel Caballero que incomprensiblemente non solicitou esta axuda”, revelou.
Esa subvención permitiría facer fronte á gratuidade do billete para os menores de 15 anos, así como os descontos do 50% aos mozos e do 20% para o resto de viaxeiros coa Pass Vigo. “É un novo escándalo que, por desgraza, acabaremos pagando todos os vigueses do noso peto”, aseverou a líder local do PP.
A portavoz popular sinalou que o Vigo non figura na listaxe da resolución final da convocatoria, nin entre os admitidos nin entre os non admitidos e que o propio Ministerio de Transportes confirmou por escrito que non se optou a esa axuda.
“Por que se a xunta de goberno local acordou presentarse a esta convocatoria e encomendar a solicitude da mesma ao concelleiro responsable da área, Javier Pardo, finalmente non se levou a cabo?”, preguntou.
Para coñecer cales foron os motivos, o PP de Vigo pide a comparecencia do concelleiro da área de Fomento, Servizos e Deportes, Javier Pardo, na comisión informativa deste mes de outubro. “Reclamamos explicacións urxentes e convincentes porque perder 3,5 millóns de euros por esquecemento ou por pura incompetencia esixe aclaracións”, afirmou.
Luisa Sánchez engadiu que, ademais da perda desa axuda, tamén periga a subvención estatal concedida para o segundo semestre de 2025, xa que non se cumpriron os requisitos de ter activadas e operativas as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) antes do 31 de decembro de 2025. “A eses 3,5 millóns que non imos recibir, haberá que sumarlle con toda probabilidade os 1,9 millóns que nos deron o ano pasado”, avanzou a líder local do PP, que precisou que o Ministerio “está preguntando agora para esixir a devolución dos cartos”.
“Para este 2026 a esixencia era ter as ZBE operativas, así que este ano si cumprirían. Por iso non se entende por que non solicitaron a axuda que si pediron outras cidades como Santiago, Ourense ou A Coruña que van a recibir o solicitado. Como o resto de cidades españolas que a pediron porque todas foron aceptadas e por tanto beneficiarias. Sen embargo, os descontos que agora mesmo se están aplicando á Pass Vigo realmente son un espellismo porque en realidade os estamos pagando todos dos nosos impostos”, aseverou.
A líder do PP vigués resumiu que, polo tanto, “son máis de 5 os millóns que este goberno nos vai quitar dos nosos petos. Así non para de subir as taxas e impostos ano tras ano para facer fronte aos buratos que vai deixando”, manifestou.
SUSPENSIÓN DO CONTRATO DO TRANSPORTE URBANO
Esta, en todo caso, non será a única razón pola que o PP de Vigo pedirá a comparecencia do concelleiro responsable polo tanto do transporte urbano.
De feito, durante a súa intervención, Luisa Sánchez lembrou que esta perda de axudas estatais se suma á suspensión da licitación do contrato do transporte urbano, coñecida a pasada semana, por un procedemento aberto polo Concello por supostos indicios de prácticas colusorias, tal e como revelou o Partido Popular. “Estamos falando da concesión máis importante do Concello de Vigo, de un contrato para os vindeiros dez anos por importe de 470 millóns de euros. E isto non pode despacharse cun comunicado de apenas catro liñas”, aseverou.
“A situación é tan grave que merece que todos os vigueses saibamos que está pasando, sempre no marco da legalidade e ata onde se poida coñecer, respectando en todo momento a confidencialidade. Pero iso non pode significar dar a callada por resposta ou intentar actuar como se non pasara nada. O goberno ten que dar a cara, é a súa responsabilidade”, aseverou. A presidenta popular concluíu precisando que a súa formación non descoida a súa labor de fiscalización do goberno local. “Mentres que o BNG nin está nin se lle espera, o PP de Vigo traballa facendo propostas en positivo e a favor da cidade, e controlando, vixiando e denunciando os desmáns do goberno de Caballero, que son moitos”, apuntou.










Deja una respuesta