O Concello de Pontevedra abre o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas de Promoción Municipal

O Concello de Pontevedra abre o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas de Promoción Municipal

O Concello de Pontevedra, a través da área de Deportes, vén de abrir o prazo de inscrición para as 2.000 prazas dispoñibles nas Escolas Deportivas de Promoción Municipal, un programa que cada ano ofrece a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos a posibilidade de achegarse á actividade física e ao deporte como ferramenta de saúde, educación e conciliación familiar.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacou a incorporación dunha novidade importante nesta edición: a ximnasia artística, que se suma ás vinte modalidades dispoñibles, entre as que tamén figuran balonmán, bádminton, baloncesto, xadrez, wáter-polo, tenis de mesa e tenis.


Colaboración con clubs locais

Segundo explicou Gulías, o programa conta coa participación de 32 clubs deportivos da cidade, que achegan a súa experiencia para guiar o alumnado nas diferentes disciplinas. As actividades desenvolveranse en 24 espazos do municipio, maioritariamente públicos, aínda que tamén se inclúe a colaboración con entidades como a Fundación Rías do Sur.

Horarios e funcionamento

As clases comezarán oficialmente o 1 de outubro, cunha duración de unha hora dúas veces por semana. A maior parte da oferta desenvolverase en horario de tarde durante a semana, aínda que algunhas disciplinas contarán tamén con sesións os sábados pola mañá.


Matrícula e custes

A inscrición, como en anos anteriores, deberá realizarse directamente a través dos clubs, cuxos teléfonos e páxinas web están dispoñibles na web municipal: deportes.pontevedra.gal/escolas-dep-mun.
O programa está financiado polo Concello cunha partida de 250.000 euros, o que permite que as cotas anuais sexan reducidas, oscilando entre 50 e 70 euros segundo a modalidade.


Un proxecto consolidado

«Para nós, este tipo de actividades son un proxecto moi exitoso», afirmou Gulías. «Permítennos colaborar cos clubs e, sobre todo, ofrecerlles ás crianzas a oportunidade de descubrir e gozar do deporte en todas as súas formas».

Comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *