Etiqueta: Luis Fernández Guitián

  • Sober celebrou o día grande da XLV Feira do Viño de Amandi

    Sober celebrou o día grande da XLV Feira do Viño de Amandi

    Centos de persoas déronse cita este domingo no día grande da XLV Feira do Viño de Amandi, que converteu a praza do Concello de Sober nun escaparate de cultura, tradición e calidade vitivinícola. A cantante Lucía Pérez, natural do Incio —concello homenaxeado nesta edición— foi a encargada de pronunciar un pregón cargado de emoción e simbolismo.

    A artista fixo referencia á «Terra Brava» de Ánxel Fole para establecer un paralelismo coas terras de Amandi, ás que definiu como “duras, bravías, difíciles e agrestes, pero únicas e de moita forza”, cualidades que, ao seu xuízo, tamén definen a autenticidade das xentes de Sober. Tivo tamén palabras de recoñecemento para as mulleres do rural, tanto coñecidas como anónimas, desde as adegueiras ata figuras históricas como a abadesa de Lobios ou Lola da Pena de Gundivós, que este mes cumpre 111 anos.

    Durante o acto, entregáronse os premios aos mellores viños desta edición. Os galardóns foron os seguintes:

    Mellor tinto xoven:

    Cividade Mencía (Adega Cividade)

    Coronin’24 (A Carqueixa)

    Romeo Domain’24 (Adega Gullufre)

    Mellor branco xoven: Don Nilo’24 (Adega Tear)

    Mellor rosado xoven: Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo)

    Mellor tinto barrica: Prómine Barrica’23 (Adega A Petrón)

    Mellor viño doutras colleitas: Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum)

    Todos os premiados recibiron un diploma e unha peza da tradicional olería de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da feira, Rubén Lucas García, natural de Murcia.

    Por outra banda, na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, puxo en valor a importancia desta celebración para a proxección da subzona de Amandi dentro da D.O. Ribeira Sacra. “Coa Feira rendemos homenaxe ás mulleres e homes que, co seu traballo diario, sacan adiante cada colleita. Compartimos o viño coa paisaxe, facendo realidade o slogan do Consello Regulador: O sabor dunha paisaxe”, afirmou.

    Tamén fixo un chamamento á unidade institucional e veciñal para conseguir a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, candidatura que cualificou como “a única de España en tres anos”. Ademais, lembrou o valor simbólico da feira como motor de recuperación cultural, facendo mención á olería de Gundivós e ás persoas que fixeron posible a súa continuidade, como a falecida Obdulia Rodríguez, coñecida como Lula de Campoverde.

    O Incio, concello convidado e homenaxeado este ano, estivo representado polo seu alcalde, Héctor Corujo, e membros da corporación municipal, consolidando así os lazos culturais e comarcais entre ambas localidades.

    Mais información de festas e feiras en galicia.info