A Asociación Carrilanas Esteiro anunciou a cancelación da edición de 2025 do Gran Prix de Carrilanas e do Festival das Carrilanas debido á falta de respaldo institucional. Nun comunicado oficial, os organizadores explicaron que, malia os seus esforzos por atopar unha solución viable, non recibiron ningunha resposta positiva por parte do Concello de Muros.
O evento, declarado Festa de Interese Turístico Nacional en 2021
Aspiraba a conseguir o recoñecemento de Interese Turístico Internacional, consolidando a súa importancia dentro e fóra de Galicia. Ademais, a asociación impulsaba o desenvolvemento do Museo «Gerente», un proxecto pioneiro destinado a potenciar o turismo e a cultura local. Porén, segundo denuncian, diversos atrancos administrativos puxeron en risco a continuidade destas iniciativas.
A directiva da asociación recoñece que puido haber erros na xestión dalgúns trámites, pero subliña que sempre actuaron con esforzo e dedicación para manter viva unha festa que atrae milleiros de persoas cada ano. Estímase que unhas 30.000 persoas visitan Esteiro diariamente durante o evento, xerando un impacto económico significativo en aloxamentos, restauración e outros sectores locais.
Neste senso, os organizadores tentaron establecer diálogo co Concello de Muros para buscar vías de colaboración que permitisen manter a edición de 2025, pero aseguran que non recibiron ningunha resposta formal. «Fracasamos ao crer que, cando menos, nos escoitarían», lamentan no comunicado.
A falta de garantías administrativas, legais e económicas levou a directiva a tomar a drástica decisión de suspender o evento en 2025, unha noticia que supón un duro golpe para a comunidade local e para os afeccionados a esta tradicional carreiras de carrilanas.
A asociación quixo expresar o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron co evento ao longo dos anos, garantindo que seguirán traballando nas obrigas pendentes e nos compromisos adquiridos.
Deja una respuesta